Artigo 1.- ORGANIZACIÓN

O Concello da Guarda, en colaboración con NOKAO, a Deputación de Pontevedra e as comunidades de montes da Guarda e Camposancos, organiza os días 21 e 22 de novembro de 2026 unha nova edición do Trail do Trega.

O evento contará coas seguintes modalidades:

  • Nocturna: sábado 21 de novembro de 2026, con saída ás 20:00 horas. Máximo de 200 prazas.
  • Mini Trail de 12 km: domingo 22 de novembro de 2026, con saída ás 11:00 horas. Máximo de 250 prazas.
  • Gran Trail do Trega de 18 km: domingo 22 de novembro de 2026, con saída ás 10:00 horas. Máximo de 250 prazas.

O Gran Trail do Trega estará integrado na Pontevedra Trail League.

A dirección técnica do evento corresponderá á organización, que poderá adoptar as decisións necesarias para garantir a seguridade das persoas participantes, do persoal e do público, así como a protección do medio natural.

Artigo 2.- PERCORRIDOS

O Trail do Trega transcorrerán polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega.

Os cambios de terreo, a orografía e as posibles condicións meteorolóxicas fan que sexan probas esixentes, para as que se require unha preparación física axeitada.

A organización habilitará:

  • Un avituallamento no percorrido do Mini Trail.
  • Dous avituallamentos no percorrido do Gran Trail do Trega.

Os percorridos oficiais serán os publicados na páxina web:

www.traildotrega.com

Por razóns de seguridade, meteorolóxicas, ambientais, administrativas ou de forza maior, a organización poderá modificar os percorridos, os horarios ou as saídas. Os cambios comunicaranse polos medios dispoñibles coa maior antelación posible.

Artigo 3.- ACEPTACIÓN DO REGULAMENTO

A inscrición en calquera das modalidades implica o coñecemento e a aceptación íntegra deste regulamento.

O regulamento será de obrigado cumprimento para todas as persoas participantes.

No caso das persoas menores de idade, a inscrición e a aceptación do regulamento deberán ser realizadas ou expresamente autorizadas pola súa nai, pai, titora ou titor legal.

O incumprimento das normas poderá dar lugar a unha advertencia, penalización ou descualificación, segundo a gravidade da conduta, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen proceder.

Artigo 4.- PARTICIPACIÓN

A idade mínima para participar será de 16 anos cumpridos o día da proba.

As persoas menores de 18 anos deberán presentar unha autorización asinada pola súa nai, pai, titora ou titor legal, xunto coa documentación que solicite a organización.

Cada participante declara que conta cunha condición física axeitada para realizar a modalidade elixida e que coñece os riscos propios dunha carreira por montaña.

Non se permitirá participar:

  • Sen unha inscrición válida.
  • Co dorsal doutra persoa, salvo cambio de titularidade previamente autorizado.
  • Acompañado por persoas non inscritas que poidan interferir no desenvolvemento da proba.
  • Baixo os efectos do alcohol, drogas ou substancias que poidan comprometer a seguridade.
  • Cunha condición física ou médica que, a criterio do persoal sanitario, impida continuar con seguridade.

A organización e o persoal sanitario poderán impedir a saída ou retirar da proba unha persoa cando consideren que continuar pode poñer en risco a súa saúde ou a seguridade doutras persoas.

Artigo 5.- DORSAL, CHIP E CONTROIS

O dorsal facilitado pola organización será persoal e intransferible, salvo cambio de titularidade autorizado.

Deberá colocarse nun lugar visible da parte dianteira do corpo e non poderá ser recortado, dobrado, ocultado nin modificado.

As probas serán controladas mediante un sistema electrónico de cronometraxe con chip.

As persoas participantes deberán colocar e portar o chip conforme ás instrucións da organización. A súa ausencia ou colocación incorrecta pode impedir o rexistro do tempo e da clasificación.

A organización poderá establecer controis de paso. Saltarse un control, abandonar deliberadamente o itinerario sinalizado ou acurtar o percorrido poderá supoñer a descualificación.

Artigo 6.- DESENVOLVEMENTO E SEGURIDADE

Os percorridos estarán sinalizados con cinta de balizamento e sinalización específica.

As persoas participantes deberán seguir en todo momento o itinerario marcado e as indicacións da organización, dos servizos de emerxencia, da Policía Local, de Protección Civil e do persoal voluntario.

Os percorridos non estarán totalmente pechados ao tráfico. As persoas participantes deberán extremar as precaucións, respectar as normas de circulación e ceder o paso cando corresponda.

Tamén deberán respectar as persoas alleas á proba, os vehículos, os animais e o resto de usuarios dos camiños.

Constitúen causas de descualificación:

  • Non levar o dorsal correctamente visible.
  • Participar co dorsal doutra persoa.
  • Non completar o percorrido sinalizado.
  • Saltarse un control de paso.
  • Desobedecer as indicacións da organización ou dos servizos de seguridade.
  • Recibir axuda externa que proporcione unha vantaxe deportiva, salvo asistencia autorizada.
  • Manter unha conduta antideportiva, agresiva ou perigosa.
  • Deteriorar deliberadamente a sinalización.
  • Tirar residuos fóra dos lugares habilitados.
  • Causar danos no medio natural ou no patrimonio.
  • Negarse a recibir asistencia ou valoración sanitaria cando sexa necesaria para a seguridade.

As descualificacións serán acordadas pola dirección da proba a partir dos feitos observados directamente ou comunicados de maneira suficientemente identificada e verificable.

Artigo 7.- MATERIAL OBRIGATORIO DA NOCTURNA

Para participar na Nocturna será obrigatorio levar un frontal ou outro dispositivo de iluminación individual que permita realizar a proba con seguridade.

O dispositivo deberá estar acendido, funcionar correctamente e proporcionar iluminación suficiente durante toda a proba.

Recoméndase comprobar previamente o seu funcionamento e levar batería ou pilas con carga suficiente para completar o percorrido.

A organización comprobará o material antes da saída. Ningunha persoa poderá tomar a saída da Nocturna sen un sistema de iluminación adecuado e en correcto funcionamento.

A persoa que deixe de dispoñer dunha iluminación suficiente durante a proba deberá comunicalo á organización e poderá ser retirada se non pode continuar con seguridade.

Artigo 8.- INSCRICIÓNS E PREZOS

As inscricións realizaranse a través da plataforma indicada pola organización.

O prazo finalizará o 18 de novembro de 2026, salvo que antes se esgoten as prazas.

Nocturna

Máximo de 200 prazas.

  • 15 euros ata o 11 de outubro de 2026.
  • 17 euros do 12 de outubro ao 15 de novembro de 2026.
  • 19 euros do 16 ao 18 de novembro de 2026.

Quen se inscriba na Nocturna e tamén nunha das probas do domingo obterá un 10 % de desconto sobre o prezo da inscrición do Mini Trail ou do Gran Trail do Trega.

Mini Trail de 12 km

Máximo de 250 prazas.

  • 15 euros ata o 11 de outubro de 2026.
  • 17 euros do 12 de outubro ao 15 de novembro de 2026.
  • 19 euros do 16 ao 18 de novembro de 2026.

Gran Trail do Trega de 18 km

Máximo de 250 prazas.

  • 19 euros ata o 11 de outubro de 2026.
  • 21 euros do 12 de outubro ao 15 de novembro de 2026.
  • 23 euros do 16 ao 18 de novembro de 2026.

A inscrición inclúe:

  • Dereito de participación.
  • Seguro de accidentes.
  • Seguro de responsabilidade civil da organización.
  • Servizo médico e asistencia sanitaria.
  • Cronometraxe mediante chip.
  • Agasallo especial
  • Avituallamentos nos puntos habilitados.

A inscrición considerarase formalizada cando o pagamento fose confirmado e a persoa recibise o correspondente xustificante.

Artigo 9.- RECOLLIDA DE DORSAIS

A organización comunicará previamente os días, horarios e lugar habilitados para a recollida dos dorsais.

Para retirar o dorsal será necesario presentar o DNI, NIE, pasaporte ou outro documento oficial de identificación.

Para recoller o dorsal doutra persoa deberá presentarse unha autorización asinada e unha copia ou imaxe do seu documento de identidade. Esta documentación utilizarase unicamente para comprobar a autorización.

As persoas menores de idade deberán entregar a autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

A peza conmemorativa, o agasallo e a bolsa da persoa corredora entregaranse unicamente nos días e horarios establecidos para a recollida. Non se realizarán envíos posteriores.

Artigo 10.- AVITUALLAMENTOS

A organización habilitará avituallamentos para as persoas participantes.

Nestes puntos poderán ofrecerse auga, bebida isotónica, comida, froita e outros produtos seleccionados pola organización.

As persoas con alerxias ou intolerancias alimentarias deberán comprobar a composición dos produtos antes de consumilos. En caso de dúbida, deberán absterse de consumilos.

Os vasos, envases, envoltorios e demais residuos deberán depositarse nos recipientes habilitados.

A organización poderá modificar a localización ou o contido dos avituallamentos por motivos técnicos, loxísticos, meteorolóxicos, ambientais ou de seguridade.

Artigo 11.- CATEGORÍAS E PREMIOS

Nocturna

A Nocturna terá unha única categoría absoluta masculina e unha única categoría absoluta feminina.

Recibirán premio:

  • Os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina.
  • As tres primeiras clasificadas da categoría absoluta feminina.

Gran Trail do Trega de 18 km

  • Absoluta masculina e feminina.
  • Sénior masculina e feminina: de 16 a 39 anos.
  • Veteranos 40 masculina e feminina: de 40 a 49 anos.
  • Veteranos 50 masculina e feminina: 50 anos ou máis.

Mini Trail de 12 km

  • Absoluta masculina e feminina.
  • Sénior masculina e feminina: de 16 a 39 anos.
  • Veteranos 40 masculina e feminina: de 40 a 49 anos.
  • Veteranos 50 masculina e feminina: 50 anos ou máis.

Os premios e trofeos entregaranse exclusivamente durante o acto oficial de entrega de premios. Non se realizarán envíos posteriores.

Artigo 12.- CANCELACIÓNS E CAMBIOS DE TITULARIDADE

A persoa inscrita poderá solicitar voluntariamente a cancelación da súa inscrición ata o 1 de novembro de 2026, incluído. Neste caso, devolverase o 50 % da cota de inscrición aboada.

A solicitude de cancelación deberá enviarse a eventos@nokao.es, indicando o nome, os apelidos, o DNI e a modalidade na que está inscrita a persoa participante.

A persoa que non poida participar poderá solicitar o cambio de titularidade da inscrición ata dez días antes da proba correspondente.

A solicitude de cambio deberá enviarse a eventos@nokao.es e incluír:

  • O nome, os apelidos e o DNI da persoa inscrita.
  • O nome, os apelidos, o DNI, a data de nacemento, o teléfono e o correo electrónico da persoa substituta.
  • A modalidade correspondente.
  • Calquera outro dato necesario para tramitar correctamente a inscrición.

O cambio de titularidade só será válido despois de ser confirmado expresamente pola organización.

A persoa substituta deberá cumprir os requisitos de idade e participación e aceptar integramente este regulamento.

Non se permite a revenda de dorsais nin a participación cun dorsal alleo sen autorización previa da organización.

Artigo 13.- SUSPENSIÓN OU MODIFICACIÓN

A organización poderá atrasar, interromper, neutralizar, modificar ou suspender unha proba cando resulte necesario por causas meteorolóxicas, ambientais, sanitarias, administrativas, de seguridade ou de forza maior.

As decisións adoptaranse procurando protexer a seguridade das persoas e minimizar os prexuízos ocasionados.

Se se modifica o percorrido ou o horario sen cancelar a proba, a inscrición continuará sendo válida.

Se o evento se cancela definitivamente, aplicarase a devolución prevista no artigo 12.

A organización comunicará as modificacións mediante a páxina web, o correo electrónico facilitado na inscrición ou as súas canles oficiais.

Artigo 14.- ABANDONO E ASISTENCIA SANITARIA

Quen decida abandonar deberá comunicalo inmediatamente nun punto de control, nun avituallamento ou a un membro da organización.

Salvo en caso de emerxencia, non se deberá abandonar o percorrido sen informar á organización.

En caso de accidente, a persoa participante deberá solicitar axuda e, se é posible, avisar á organización ou aos servizos de emerxencia.

As persoas participantes deberán prestar unha primeira axuda razoable a quen se atope en perigo e comunicar a incidencia á organización.

O persoal sanitario poderá ordenar a retirada dunha persoa cando considere que non está en condicións de continuar con seguridade.

A organización dispoñerá dos seguros de accidentes e de responsabilidade civil legalmente esixibles, sen que isto implique a cobertura dos supostos excluídos nas pólizas correspondentes.

Artigo 15.- SERVIZO DE GARDARROUPA

A organización poñerá un servizo de gardarroupa á disposición das persoas participantes.

Os obxectos deberán entregarse correctamente identificados e recollerse dentro do horario establecido.

Non deberán depositarse teléfonos móbiles, documentación, xoias, cartos nin outros obxectos de valor.

A organización custodiará os obxectos coa dilixencia debida. Calquera incidencia deberá comunicarse antes do peche do servizo.

Artigo 16.- NORMAS AMBIENTAIS

Unha parte das probas desenvólvese nunha contorna que alberga flora, fauna e elementos patrimoniais sensibles. As persoas participantes deberán actuar con coidado e responsabilidade.

Queda prohibido:

  • Tirar envases, envoltorios, restos de comida ou outros residuos.
  • Abandonar voluntariamente os camiños sinalizados.
  • Realizar atallos.
  • Danar a vexetación, a fauna, o terreo ou os elementos arqueolóxicos.
  • Alterar ou retirar a sinalización.
  • Producir ruídos innecesarios ou molestar deliberadamente os animais.
  • Contaminar fontes, cursos de auga ou outros espazos naturais.

Os residuos deberán depositarse nos recipientes habilitados.

O incumprimento destas normas poderá supoñer a descualificación, sen prexuízo da obriga de reparar os danos ou doutras responsabilidades aplicables.

Artigo 17.- IMAXES E COBERTURA DO EVENTO

Durante o evento poderán captarse e difundirse fotografías, vídeos e outros contidos nos que aparezan as persoas participantes, coa finalidade de informar sobre a proba, realizar a súa cobertura e promocionar o propio Trail do Trega.

Estas imaxes poderán publicarse nas páxinas web, redes sociais e demais canles de comunicación da organización. Tamén poderán facilitarse aos patrocinadores e colaboradores oficiais para informar sobre o evento e promocionar a súa participación nel.

Este tratamento baséase no interese lexítimo da organización en informar, documentar e difundir o evento. Ao inscribirse e aceptar este regulamento, a persoa participante declara quedar informada deste tratamento.

As persoas participantes poderán opoñerse ao uso da súa imaxe por motivos relacionados coa súa situación particular escribindo a eventos@nokao.es.

Para usos publicitarios máis amplos que non estean directamente relacionados coa información, cobertura ou promoción do propio evento, solicitarase unha autorización específica cando resulte necesaria.